Thursday 16 de May de 2024

Os policías locais foxen de Oleiros


TRASLADOS E BAIXAS LABORAIS DIEZMAN UN SERVIZO INFRADIMENSIONADO POLO CONCELLO

O incremento dos índices de criminalidade que se rexistran no concello de Oleiros vese favorecido pola falta de efectivos da Policía Local. O Partido Popular leva anos denunciando que o concello non cumpre as recomendacións da FEGAMP e da Unión Europea en canto á relación de número axentes para unha poboación que se achega aos 40.000 habitantes. De feito, o programa electoral do Partido Popular de Oleiros das pasadas eleccións municipais do mes de maio incluía o incremento do persoal da Policía Local ata chegar a 57 axentes.

Loli Silva, portavoz do PP no concello, declarou “O alcalde sostén, cando é interpelado sobre este asunto, que o persoal é a adecuada; pero a realidade da Policía Local de Oleiros é que neste momento conta con 30 efectivos, dos que 4 vanse á Coruña a final de mes, 4 non patrullan e 5 atópanse de baixa laboral. O resultado non pode ser máis preocupante: 17 axentes para todo o concello, que repartidos en tres quendas de traballo non chega a 6 policías por quenda para un concello de preto de 40.000 habitantes. Ninguén pode negar que este número de efectivos é de xeito evidente insuficiente. Despois ocorren situacións como as vividas nas festas deste verán en Santa Cruz ou Dorneda…”
“E cabe preguntarse o porqué desa fuga de Policías Locais de Oleiros a outros concellos. De entrada, parte da responsabilidade nesta fuxida de policías débese ao mal trato que adoitan recibir os propios axentes por parte do alcalde, quen non dubida en reprenderlles en público por realizar o seu propio traballo, como ocorreu recentemente mentres un axente estaba a poñer multas. E vanse porque as condicións son mellores para eles noutros concellos, como a carreira profesional horizontal, mellores quendas de traballo e complementos e mellor conciliación familiar e laboral. senten, en definitiva, mellor valorados e vanse de Oleiros”, asegurou Loli Silva.

“O concello acaba de anunciar a convocatoria de 7 prazas de policías locais, o cal celebramos desde o Partido Popular, convencidos da necesidade urxente de reforzar o seu persoal en Oleiros, pero que non se engane o alcalde -ou que non pretenda enganarnos ao resto-, esta reposición non pretende alcanzar os estándares de axentes que corresponden pola poboación senón que simplemente pretende taponar a vía de auga que supón a fuxida de axentes a outros municipios”, concluíu a portavoz Popular.